domingo, 20 de decembro de 2015

A Canadian experience - PIALE Integración


Durante o pasado mes de outubro participei dunha estadía en Canadá, enmarcada no programa PIALE. O Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Estranxeiras comprende una serie de itinerarios formativos para a mellora da competencia lingüística  e comunicativa do profesorado.
A miña participación consistiu na integración na vida escolar da Beurling Academy, unha high school situada en Verdún, un distrito da cidade quebequense de Montreal. A experiencia resultou moi enriquecedora, principalmente na mellora da competencia lingüística, dado que supuxo a inmersión profunda na lingua inglesa, tanto no ámbito escolar como dentro da familia de acollida. Implicou ademais coñecer diversos aspectos do sistema educativo canadense, en particular da provincia de Quebec, relativos ao currículo, organización escolar, metodoloxía, avaliación, etc. Igualmente deu pé a reflexionar sobre a posibilidade de transferencia ao noso sistema dalgunhas das súas características. Neste sentido parece obvio que algunhas delas dependen de decisión dos responsábeis da política e xestión educativa da comunidade se ben outras, por exemplo relativas á metodoloxía  ou a avaliación, poden ser incorporadas á nosa práctica docente.
A integración na vida diaria do centro non implicaba responsabilidades docentes e consistía en acompañar a unha profesora de Educación Física nas súas obrigas lectivas. Neste sentido a estadía lembroume a época de prácticas de Maxisterio, se ben noutra lingua e noutro sistema educativo. Ademais de Physical Education and Health, tamén impartía Ethics and Religious Culture, dúas materias encadradas dentro dunha área común do currículo quebequense (Personal Development). Nesta práctica tiven a oportunidade de observar e interactuar con docentes e alumnado,  de colaborar nas sesións de clases e, o mais motivador, impartir algunha clase de Educación Física. O feito de ter que dirixirme aos alumnos e alumnas (que eran maioría, pois estaban separados nalgúns niveis -decisión do departamento de EF, non é normativo-) en inglés, resultou altamente satisfactorio pois permitiume traballar co inglés e a miña materia nun contexto nativo sen ter dificultades significativas.
A derradeira angueira desta acción formativa implica a difusión da experiencia de integración. Entre outras actuacións para levar a cabo esta labor incluín unha comunicación aos compañeiros de sección bilingüe do IES Laxeiro, nunha reunión do grupo, e ao resto do profesorado, dentro do curso de formación en centros que estamos a desenvolver, relacionado cos novos currículos e programación.. Nesta exposición comentamos os aspectos máis salientábeis do sistema educativo quebequense, os cales aparecen esquematizados nesta presentación:

Aos meus alumnos da sección bilingüe de 3º de ESO tamén lles contei cómo me fora polas terras canadianas. La Voz de Galicia se fixo eco desta experiencia, así como a emisora local RadioVoz.
En definitiva,  o programa resulta altamente recomendable tanto no plano formativo como persoal. Sen ser profundidade, achegámonos a outro sistema educactivo que, sen estar afastado do noso, xa leva unha longa traxectoria traballando con pautas de organización, metodoloxía e avaliación lixeiramente difererentes.
Unicamente mencionar algunha disfunción derivada, na miña opinión, de:
  • O feito de que ir a Montreal (os outros anos tiña sido en Ottawa), zona francófona, se ben no meu caso particular o distrito onde estaba o centro e a familia de acollida eran anglófonos. Pero en moitos distritos, dowtown a vida desenvólvese preferentemente en francés.
  • A coincidencia cunha folga do profesorado de Quebec, o cal se limitaba a realizar as funcións lectivas, non partipando noutras tarefas como as actividades extraescolares (incluído a acollida, nalgúns casos de profesorado estranxeiro).

Ningún comentario:

Publicar un comentario